Sunday 28 de April de 2024

O Consorcio Provincial Contraincendios xestionará de forma directa dos dez parques comarcais de bombeiros da Coruña a partir de 2020


Hoxe tivo lugar a constitución do novo pleno do Consorcio, integrado pola Deputación e a Xunta. Estará presidido por Valentín González Formoso coa vicepresidencia do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva

O pleno aprobou as alegacións da Mesa Intersindical de Bombeiros e deu luz verde definitiva á xestión directa do servizo de extinción de incendios e salvamento a partir de 2020.

González Formoso subliña que o novo modelo “é a fórmula máis sostible e eficiente” e aforrará medio millón de euros anuais

O Consorcio Provincial Contraincendios xestionará de forma directa dos dez parques comarcais de bombeiros da Coruña a partir de 2020
A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a sesión constitutiva do pleno do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, integrado ao 50% pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

O Consorcio seguirá estando presidido polo titular do goberno provincial, Valentín González Formoso, coa vicepresidencia do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva. Forman parte do pleno os deputados provinciais de Promoción Económica, Blas García Piñeiro, e de Contratación e Patrimonio, Xosé Luis Penas Corral, así coma o delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro Tato, e o subdirector xeral de Seguridade, Jorge Atán Castro.

O pleno decidiu tamén que a sede da Deputación seguirá a ser o lugar de realización das sesión plenarias do Consorcio.

Xestión directa a partir de 2020

O pleno ditaminou favorablemente as alegacións presentadas pola Mesa Intersindical de Bombeiros durante o período de exposición pública da Memoria sobre aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros respecto da xestión do servizo de extinción de incendios e salvamento, o que supón a aprobación definitiva do documento.

Así, a partir de xaneiro de 2020, os parques de bombeiros da provincia da Coruña pasarán a ser xestionados directamente pola administración pública, subrogando aos 174 traballadores.

O presidente do Consorcio, Valentín González Formoso, lembrou que a xestión directa dos dez parques comarcais de bombeiros existentes na provincia coruñesa (Carballo, Arteixo, Boiro, Arzúa, Ordes, Betanzos, As Pontes, Cee, Santa Comba e Ribeira) “é a fórmula máis sostible e eficiente de xestión”, segundo os informes encargados polo goberno provincial e “garantirá un servizo profesional de atención de emerxencias para máis de 562.000 habitantes da provincia da Coruña e un aforro económico de arredor de medio millón de euros anual con respecto ao sistema vixente”.